martes, 1 de diciembre de 2009

Os danos polo lobo afectan a menos do 0,092 por cento do gado en Galiza







Ante a constante avalancha de noticias sobre ataques de lobo ao gando e a afección que estes feitos supoñen para a economía gandeira en Galicia, queremos por a realidade dos dados obxetivos destra problematica.Os ataques de lobo aféctanlle a menos do 0,092% do gando galego. Cada ano solicítase unha media de 420 expedientes por danos de lobo, dos que o 75% se consideran como dano real. Se temos en conta que o número de reses perdidas ascende a 1.300 sobre máis de 1.600.000 que viven na comunidade galega e que posuímos o 30% da poboación lobuna ibérica, con aproximadamente uns 300-500 exemplares, chegamos á conclusión de que a polémica social creada arredor dos danos que xera a especie é moi desproporcionada respecto a súa afección real. Un dos principais problemas derivados da coexistencia é a tardanza no pagamento das indemnizacións por parte da administración, factor totalmente alleo á presenza da especie, pero que prexudica seriamente a súa conservación e tolerancia e propicia unha repercusión desmesurada nos medios.
Para comparar con outras causas de mortalidade do gando, a lingua azul foi responsable en tan só tres meses da morte de gando equivalente ás baixas causadas polo lobo en medio ano e xerou perdas económicas moito máis cuantiosas, ás que lles hai que sumar os gastos asociados á vacinación de gran parte da cabaña gandeira.


En Asturies, segundo os informes oficiais do Principado, o lobo afectoulle a menos do 1% do número total de cabezas e a menos do 5% das explotacions, sen entrar a considerar se se tratan de gandeiros a título principal ou non. Isto é de suma importancia en canto á dedicación de vixilancia e de coidado do gando. Así, pódese criticar a postura do edil nacionalista de Rodeiro que, segundo as súas recentes declaracions na prensa, pretende manter unha explotación en extensivo e alternar esta tarefa coas súas funcions políticas sen preocuparse da presenza do lobo.
O lobo leva convivindo milleiros de anos co ser humano. Para que esta situación se manteña, é necesario un consenso entre os sectores implicados. Si é certo que o retraso no pagamento das indemnizacions pode enmascarar a problemática real que supón a presenza do lobo. Insistimos en que baseándonos nos datos anteriores, está claramente sobredimensionada.



CONSIDERACIÓNS SOBRE O PLANO DE XESTIÓN DO LOBO EN GALIZA
Estando finalizado xa o período de exposición pública do denominado Plano de Xestión do Lobo en Galiza, as persoas e colectivos asinantes desexan facer algunhas consideracións en relación ao seu contido, co ánimo de contribuir á reformulación do citado documento.
- O pertinaz sostemento da idea da caza do lobo como alternativa integrabel na política de conservación da especie evidencia a inercia coa que se traballou na elaboración do plan de xestión. As directrices que ao respeito defendía o anterior governo acomodáronse sen esforzo á acción política do novo executivo, convertíndose nunha eiva que lastra o proprio documento. A obsolescencia e probabilidade de fracaso que arrastra o modelo do aproveitamento cinexético desvirtúa a imaxe pretendidamente progresista que se quere transmitir e invalida parcialmente o proprio plan ao ser inviábel técnicamente a sua aplicación.
- A cicatería coa que actuou a anterior Xunta en materia de acumulación de información sobre o lobo non pode respaldar a apresentación dun plan de xestión. A información dispoñíbel é fragmentaria no tempo e limitada na interpretación e dimensionamento dos factores que inciden na conservación do lobo. Aliás, é patente a superficialidade na descrición da realidade ecolóxica que rodea o mundo desta especie no noso país e que opera tensionando a sua relación coa povoación humana. O tratamento destes aspectos pon en cuestión a validez do conxunto do documento apresentado.
- Case 36 anos despois da apresentación da tese de doutoramento do veterinário Pedro Iglesia Hernandez “Los caballos en régimen de semilibertad o caballos salvajes de Galicia”, onde se apontaba o “papel fundamental dos cabalos bravos galegos na ecoloxía do futuro” de Galiza, seguimos sen dar pasos no avance cara á integración efectiva destes animais no noso patrimonio natural, e aínda máis, percébese nalgunhas zonas un acusado descenso no número de exemplares, debido a que os proprietarios se están a desfacer das suas greas. Considerando a importancia que teñen estes animais na conservación do lobo, sorprende comprobar cómo nun documento da trascendencia do Plano de Xestión a aportación ao respeito sexa tan escasa, o cal reforza a afirmación efectuada no epígrafe anterior.
- Con unha experiencia diversa, contrastada e enfrontada através dos anos coa máis variada realidade rural na Península Ibérica, resulta frustrante dispoñer dun sistema compensatorio limitado á pecuaria menor ou á gandería guardada e vixilada. Semella perentorio establecer un sistema flexíbel que extensifique os beneficios que a compensación de danos representa para a conservación do lobo.
- Apesar da facilidade para apreciar a transversalidade con que a realidade da problemática do lobo impregna a acción de governo, o plano de xestión non contempla o establecimento de mecanismos que persigan dotar de coerencia as políticas de conservación da biodiversidade e de desenvolvimento do medio rural.
Por todo o anterior, cremos que resulta de obrigada consideración reformular ou re-elaborar o citado documento, de maneira que se contemple:
1. A invalidación de todos os aspectos do plan nos que se contempla o aproveitamento cinexético do lobo.
2. O reforzamento dos aspectos descritivos do plan, tanto no referido á dispoñibilidade de información demográfica actualizada e homoxénea no tempo, como ao manexo de datos detallados que permitan analisar e interpretar adecuadamente os aspectos ecolóxicos nos que se integra a existéncia do lobo en Galiza. Será en base a estes datos que se determinarán as medidas de control da especie.
3. En relación co anterior, abordar con carácter urxente a realización dun estudio descritivo detallado do estado actual da cabana equina que pasta libre nos montes do país, aprofundando nos aspectos demográficos, morfolóxicos, sanitarios, ecolóxicos e de propriedade, coa fin de posibilitar o ordenamento non traumático deste aproveitamento e a exploración das posibilidades e aplicacións que a raza galega de poni apresenta, alén dos aspectos estritamente económicos, tanto para a política de conservación do lobo como para a de prevención de incendios.
4. Coa fin de orientar e favorecer a correcta toma de decisións en materia de información e xestión, criar un comité asesor de expertos, que concite a aceptación maioritaria dos sectores implicados na conservación da espécie.
5. Establecer, de xeito transitorio, un sistema de compensacións flexíbel e múltiple, que pivote tanto sobre o pagamento de indemnizacións por danos, como sobre a implementación de subsidios condicionados para o desenvolvimento gandeiro ou a protección da gandería, mentres non se deseñe o modelo adecuado de gandería extensiva que se pretende para o país.
6. En relación co anterior, impulsar o establecimento de liñas transversais, tanto de coordenación como de actuación conxunta, coa Consellería de Medio Rural, coa fin de enfrontar de maneira coerente as políticas concretas que competen a cada consellería e que son necesarias para garantir o éxito da conservación na xestión do lobo.

ADEGA, ERVA, CEMMA, Ecoloxistas en Acción, FEG, Asemblea do Suído, ADENCO, Plataforma en Defensa das Rías Altas, Plataforma pola Defensa do Bosque Atlántico, Niño do Azor,Guerrilheiros das Fragas, Hábitat, Néboa, Turmalina, alén de varios expertos/as.

A última poboación reprodutora de lobo na costa, ameazada por un parque eólico



Compostela, 10 de novembro de 2009. O parque eólico do Alto da Croa, concello de Vimianzo, promovido por Gamesa Enerxía, S.A. coincide coa área de cría da única poboación estábel de lobo ibérico (Canis lupus signatus) en toda a franxa litoral do país. Dada a situación xeral do cánido, e como sinala o Plano de Xestión elaborado na etapa do bipartito, todas as actuacións que poidan causar un efecto negativo sobre a especie deberían contar cun estudo de impacto que analice as repercusións con rigor e meticulosidade, a fin de evitar danos irreversíbeis para a especie. No entanto, o EIA só fai unha vaga referenza ao lobo, sen achegar ningunha medida protectora ou correctora. Baixa as ALEGACIÓNS (133 KB) de ADEGA a este proxecto. Quen seremos nós sen o lobo? http://www.adega.info/